Luísa Villalta. A poesía en que salvarse

Luísa Villalta é a figura homenaxeada neste 2024 no Día das Letras Galegas, cando se cumpren 20 anos do seu falecemento. A narradora, poeta, ensaísta, filóloga e violinista atopou na literatura e a docencia unha ventá perfecta para tentar cambiar o mundo.

Un altísimo compromiso coa lingua e cultura galegas e de loita contra as inxustizas son algunhas das pegadas que nos deixa a súa obra. O libro «Luísa Villalta. A poesía en que salvarse», escrito por Sara Pérez Peral, fai un repaso da vida e a obra do universo Villalta a través das voces dos seus amigos, os seus alumnos e a súa irmá. O retrato persoal e profesional dunha poeta comprometida á que lle gustaría que as súas palabras voasen máis alá dos libros e espertasen os sentidos de quen as le.