Francisco Fernández del Riego: a tinta de Galicia

Francisco Fernández del Riego é a figura homenaxeada neste 2023 no Día das Letras Galegas, unha celebración que el mesmo ideou e puxo en marcha en 1963. É un dos fitos da longa biografía de quen dedicou a súa vida a traballar por dúas causas, Galicia e a liberdade, inseparables a unha da outra. Fíxoo nos tempos esperanzados da súa mocidade, nos difíciles anos da ditadura e con ilusión renovada outra vez en democracia. 

A palabra escrita foi a súa ferramenta privilexiada, da que dan testemuño os seus libros e tamén os seus incontables artigos xornalísticos. Ao longo da súa dilatada vinculación con La Voz de Galicia, del Riego entregou máis dun milleiro longo de contribucións dunha gran altura intelectual e expresiva. 

Este libro reúne medio cento deses artigos nos que o seu autor dá conta da amplitude das súas miras: viaxes, artistas, a lectura e, claro está, Galicia. Polas súas veas corría a tinta coa que escribiu algunhas das páxinas máis notables da nosa literatura.